Friday 26 de April de 2024

O concello estende a separación dos residuos ás festas para seguir camiñando cara un Carballo máis sostible


A iniciativa, na que colaboran as concellarías de Festas e Servizos, presentouse hoxe coincidindo coa celebración de San Antón en Vilar de Francos

O Concello de Carballo colabora todos os anos coas comisións de festas en cuestións de “intendencia” como a colocación de vallas, o acondicionamento dos campos onde se celebran as verbenas ou a instalación de colectores para a recollida dos residuos. Ata o momento, as solicitudes para estes últimos eran xenéricas, pero a partir de agora deberán especificar que tipo de contedores precisan.

O obxectivo, como explica a concelleira de Festas, Maruxa Suárez, nunha carta que se entrega ás comisións no momento de facer a solicitude, é “que as nosas festas sexan máis sostibles. Por iso vos achegamos os colectores necesarios para que tanto vós nas vosas barras coma as persoas asistentes á festa teñan unha alternativa para separar o lixo o mellor posible. Sabemos que é algo que vai supoñer un esforzo, pero o noso medio ambiente ben o merece”.

A iniciativa tivo moi bo arranque, como puido verse hoxe mesmo na parroquia de Artes. Aproveitando a celebración do San Antón en Vilar de Francos, a concelleira de Festas e o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, presentaron esta nova experiencia acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero; persoal do servizo de recollida de lixo e membros da comisión de festas.

“Queremos dar un paso máis e aproveitar as festas, que son lugares de concentración de moitas persoas, para realizar tamén unha campaña de sensibilización”, indicou Luis Lamas. Nese sentido, os colectores teñen unha identificación específica coa imaxe da campaña e o tipo de residuo que debe depositarse en cada un deles, e todo iso vai acompañado cunha lona de gran formato para darlle unha maior visibilidade á iniciativa.

Na carta dirixida ás comisións de festas tamén se lembra que a nova Lei de Residuos prohibe a utilización de vasos de plástico dun só uso, para que, aínda que non se trata dunha competencia municipal, tamén o teñan en conta.